Representantes de ao redor de 60 colectivos convocados polo Partido Popular a un encontro na Seca decidiron solicitar formalmente ao Concello de Poio unha reunión urxente para tratar os fondos do Pacto Ambiental de Ence.
Estes colectivos consideran que deben estar mellor representados na comisión de seguimento que vai estudar os proxectos que opten aos 3 millóns de euros anuais que, se o Concello aceptase o acordo, repartiría a fábrica pasteira entre colectivos sociais, culturais e deportivos da ría de Pontevedra.
O portavoz do PP, Anxo Moldes, indicou na reunión que a pesar de estar garantido que as axudas chegarán aos colectivos de Poio, Pontevedra e Marín, é preciso estar na toma de decisións sobre o destino deses recursos económicos que a empresa ten que abonar en virtude do acordo asinado coa Xunta de Galicia.
Desde o PP reclaman a creación dunha comisión de seguimento para que defenda os intereses dos colectivos do municipio. Moldes considera que é unha enorme irresponsabilidade por parte do alcalde Luciano Sobral non participar nas conversacións con Ence.
Os fondos prometidos pola entidade comezarán a repartirse este ano e por iso, os colectivos queren manter o encontro co goberno local coa máxima urxencia.