Colectivos pola memoria histórica denuncian a "profanación" da illa de San Simón cunha festa de Samaín

Pontevedra
24 de outubro 2019

A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), na que están integrados colectivos en defensa da memoria histórica de toda a provincia de Pontevedra, denunciou este xoves publicamente a "profanación dun lugar da memoria fundamental", a Illa de San Simón, coa celebración dunha festa de Samaín que promove a empresa Nabia 

Illas San Simón e San Antonio
Illas San Simón e San Antonio /

A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), na que están integrados colectivos en defensa da memoria histórica de toda a provincia de Pontevedra, denunciou este xoves publicamente a "profanación dun lugar da memoria fundamental", a Illa de San Simón, coa celebración dunha festa de Samaín que promove a empresa Nabia. 

O colectivo considera que esta festa é un exemplo máis da a "situación anómala" na que vive o Estado español en relación cos dereitos humanos, situación que tamén queda reflectida na tardanza da retirada dos restos de Franco do Valle dos Caídos, realizada este xoves, e as controversias que houbo a respecto do seu culto e apoloxía dos seus crimes.  

En opinión deste colectivo, esta retirada, por moi positiva que sexa, non debe servir para cubrir as deficiencias democráticas e os "restos do franquismo que aínda nos asolagan" e que quedan en evidencia en feitos como o denunciado este xoves coa "profanación" dun espazo da memoria a través dunha actividade lúdica prevista para o xoves 31 de outubro.  

"É impensable que isto aconteza en ningún outro campo de prisioneiros do mundo, e en moitos lugares de Europa resultaría mesmo delictivo", cuestionan, e esixen que a Xunta de Galicia impida dunha vez "a continua e reiterada aldraxe á memoria e ridiculización da dor das vítimas" do franquismo preservando a Illa de San Simón como lugar de homenaxe e recordo.

A Deputación de Pontevedra, a través da deputada de Memoria Histórica María Ortega, púxose ao lado das asociacións memorialísticas da provincia no seu rexeitamento da utilización da Illa de San Simón para a realización de "actos frívolos e con intencións lucrativas" como o que a empresa Nabia quere realizar con motivo do Samaín.

Ortega lembra que a Illa de San Simón foi un espazo de represión, tortura e terror para miles de persoas represaliadas polo franquismo, un campo de concentración e de exterminio para presos políticos contrarios ao réxime ditatorial do 36 e cárcere e lugar de terror para miles de veciños da provincia de Pontevedra e esixe respecto en memoria destas persoas, as súas familias e pola saúde dunha sociedade democrática.

O deputado do BNG Luís Bará levou a denuncia ao Parlamento de Galicia a través dunha proposición non de lei na que denuncia que a Xunta de Galiza autoriza a profanación da Illa de San Simón  cunha festa e cea nocturna baixo o título 'Un samaín de miedo en la Isla de San Simón'. 

Tamén el demanda respecto ao simbolismo da Illa como lugar de memoria e que se restrinxan as actividades por tratarse dun Ben de Interese Cultural. Na súa opinión, todo tipo de actividades de carácter festivo "ofende a memoria das persoas que estiveron presas neste campo de concentración franquista".