Colectivos feministas chaman a tinxir Pontevedra de violeta na noite do 20 de setembro

Pontevedra
10 de setembro 2019

Tamén presentarán mocións en todas as corporacións municipais de Galicia para buscar o seu posicionamento contra todas aquelas medidas, campañas e mensaxes que contribúan á xustificación da violencia de xénero, que promovan a súa minusvaloración ou cuestionamento, así como reclamar máis ferramentas normativas para combatela

Concentración contra as violencias machistas en Pontevedra tras o crime de Vilalba
Concentración contra as violencias machistas en Pontevedra tras o crime de Vilalba / Cristina Saiz

Máis de vinte asociacións feministas de toda Galicia secundarán o próximo 20 de setembro a declaración de emerxencia decretada pola Plataforma Feminista de Alacante ante un verán "negro" no noso país pola barbarie das violencias machistas.

Estes colectivos consideran que "xa non abonda" con gardar minutos de silencio ou con concentracións por cada muller asasinada. Ven "intolerables" a cantidade de casos de pederastia, trata, desaparicións, asasinatos, chantaxes, extorsión, ameazas, acoso, agresións, abusos, manadas ou violacións que son noticia case a diario.

O primeiro paso neste estado de 'emerxencia feminista' será unha acción conxunta en todo o país, na noite do próximo 20 de setembro, chamando a todas as organizacións do movemento feminista a tinxir de violeta as rúas, as vilas, os edificios de toda España.

Tamén presentarán mocións en todas as corporacións municipais de Galicia para buscar o seu posicionamento contra todas aquelas medidas, campañas e mensaxes que contribúan á xustificación da violencia de xénero, que promovan a súa minusvaloración ou cuestionamento,  así como reclamar máis ferramentas normativas para combatela.

"Non se pode permitir que teñan un espazo de poder quen non recoñece a violencia de xénero como un problema social", afirman os colectivos organizadores, que cualifican esa conducta como "terrorismo de estado" contra o que hai que loitar "sen descanso".

As asinantes desta campaña son, entre outros, o Colectivo Feminista Pontevedra ou as asociacións O Soño de Lilth, a Sociedade Galega de Sexoloxía, o Foro Feminista Maruxa Mallo, a Rede Galega pola Igualdade, a asociación FARAXA pola abolición da prostitución ou a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia.