Colectivos da memoria lamentan a "total eliminación" da programación sobre memoria na Deputación

Pontevedra
05 de xullo 2024

Aseguran que está "totalmente paralizada" desde o cambio de goberno, polo que solicitaron de xeito formal unha entrevista co seu presidente, Luis López, para que retome estas actividades

Xornadas de Memoria Histórica
Xornadas de Memoria Histórica /

A Iniciativa Galega pola Memoria, que engloba a asociacións memorialistas e culturais de todo o país, lamentan que a Deputación de Pontevedra apostara pola "total eliminación" da programación sobre a memoria que se viña realizando nos últimos anos.

Aseguran que está "totalmente paralizada" desde o cambio de goberno, polo que solicitaron de xeito formal unha entrevista co seu presidente, Luis López, para que retome estas actividades.

Este colectivo subliña que as únicas actividades en doce meses foron dúas entrevistas coa Fundación Alexandre Bóveda e coa Fundación Castelao "das que non transcendeu consecuencia ningunha" e a presentación dun libro de memorias dun fuxido, contratado polo goberno anterior.

Desde a constitución do novo goberno provincial, "non transcenderon nin as súas liñas de traballo nin os resultados da labor desempeñada neste período polo funcionariado adscrito".

A este respecto, a Iniciativa Galega pola Memoria agarda que, no que resta de mandato, a Deputación recupere as liñas de traballo "que a converteran nunha referencia na loita polo dereito á verdade, á xustiza e á reparación que consagra o dereito internacional".