Convocan unha concentración de protesta ante a Comisaría despois de denunciar dúas agresións sexuais en Pontevedra

Pontevedra
04 de xaneiro 2025
Actualizado: 18:00

O Colectivo Transfeminista Fulanas convocou para este martes día 7 de xaneiro, ás 20.30 horas, unha concentración de protesta ante a Policía Nacional

Patrulla da Policía Nacional diante da Comisaría
Patrulla da Policía Nacional diante da Comisaría / Mónica Patxot

Para este martes día 7 de xaneiro, ás 20.30 horas, o Colectivo Transfeminista Fulanas convocou unha concentración de protesta ante a Comisaría da Policía Nacional, na rúa Joaquín Costa, "para que se aumente o nivel de protección e se dispoñan todos os recursos para evitar un novo ataque ás mulleres da nosa cidade".

Segundo denuncia este colectivo, "a primeira das vítimas foi agredida na zona da Parda o pasado sábado".

Aseguran que o segundo caso ocorreu onte venres nos arredores do Campiño de Santa María, "cando un home entrou pola forza nun portal, ao que accedía outra muller, mentres se masturbaba".

O Colectivo Transfeminista Fulanas afirma que este individuio "é coñecido por agocharse en portais e tocarse diante de mulleres noutras ocasións". Esta vez, a vítima logrou escapar e refuxiarse na súa casa.

"Despois de 6 días as investigacións apenas avanzaron mentres este ser/seres seguen a campar pola nosa vila e os nosos relatos son cuestionados por quen debe protexernos", sosteñen as denunciantes.

Este colectivo destaca que "a primeira agresión foi minorizada pola Policía Nacional e non imos agardar a que unha terceira muller sexa atacada polo que esixiremos na súa porta medidas inmediatas de protección e avance na investigación dos feitos".

Por último, con sarcasmo engaden unha recomendación cara o Día de Reis, "este luns non esquezas na túa carta pedir obxectos de autodefensa ante a inoperancia policial".