En apenas cinco días, Campo Lameiro quedará sen servizos bancarios. Abanca pechará a súa oficina no municipio, pero a veciñanza non perde a esperanza de que a entidade rectifique.
Así, como medida de presión, ducias de persoas colapsaron este venres a oficina bancaria para presentar de maneira individual follas de reclamación para protestar contra o peche.
Asesorados por membros da corporación, os veciños foron enchendo as follas de reclamación de xeito individual achegando as súas queixas e protestas pola supresión dun servizos que consideran esencial como clientes do banco e como veciños de Campo Lameiro.
Coa intención de deixar operativa a oficina e permitir que a xente maior que se achegaba ao banco puideran cobrar os cartos das súas pensións, os empregados acordaron realizar a recollida das follas de reclamación de xeito paralelo, no exterior da sucursal.
Deste xeito foron entregando por quendas as numerosas follas de reclamación, que se ían recollendo dun xeito ordenado e que foron recepcionadas polos responsables da sucursal para a súa tramitación interna nos servizos de atención ao cliente que posúe o propio banco.
Entre as alegacións que esgrimen os veciños nos seus escritos que inclúen nas follas de reclamación refírense a que o peche da sucursal privará á veciñanza do rural deste concello do acceso a un servizo esencial, fundamental para a fixación de poboación.
Tamén aseguran que non dispoñen de transporte público coas poboacións máis próximas onde hai oficinas bancarias (Pontevedra, Moraña ou Cerdedo) o que implicará o uso do taxi co correspondente prexuízo económico colateral que isto supón.
De non ser atendidas as súas demandas trasladarán as súas queixas ao Banco de España.