O goberno municipal e a asociación Amizade sentaron as bases para manter unha colaboración "máis fluida" para avanzar no deseño da cidade e para corrixir pequenas deficiencias detectadas en materia de accesibilidade ou de ordenanzas administrativas.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este mércores un encontro co presidente e o vocal da asociación, Paulo Fontán e César Maquiera, para "repensar as propostas de futuro" que Amizade lle fixo chegar ao Concello.
"Son necesidades de todo tipo que van desde a mobilidade, a accesibilidade ou a igualdade á hora de incorporarse ao mercado laboral", subliñou Fernández Lores, que defendeu que Pontevedra "ten avanzado moito" pero, a pesar diso, "non damos o asunto por feito".
Asegurou que "hai que seguir avanzando e mellorando cousas" e destacou que as peticións de Amizade "son razonables e traballaremos nese sentido".
Paulo Fontán valorou positivamente a xuntanza e agradeceu a disposición do alcalde e o seu equipo á hora de atender as súas peticións, porque explicou que unha administración municipal "debe ternos presentes para facer un traballo máis beneficioso para toda a poboación".
"Estamos sempre cunha vontade proactiva, aínda que tamén sexa para tirar das orellas cando detectamos que algo non se fai ben ou poder estar mellor feito", engadiu Fontán, que apuntou que o Concello "sempre se amosou favorable a este diálogo".
Entre as peticións realizadas por Amizade estivo, entre outras, a instalación de baños públicos accesibles, a incorporación de máis taxis adaptados ou a corrección de elementos do mobiliario urbano que "foron quedando mal" ou se deterioraron co seu uso habitual.
Ademais, ambas partes abordaron o futuro centro que dirixirá Cogami no Centro Sur, para o que se está a redactar o proxecto e se buscará o financiamento necesario para executalo.