"Coidarte para coidar". Con este título este venres celebrouse na Subdelegación do Goberno de Pontevedra unha xornada de formación sobre o autocoidado para persoal que traballa con mulleres que sofren violencia de xénero.
A actividade forma parte da programación da Subdelegación do Goberno en Pontevedra co gallo do 25N e inaugurouna a subdelegada, Maica Larriba.
A psicóloga e enfermeira experta emocional Jenifer Souto Pérez foi a encargada de disertar sobre como afrontar as diversas situacións que teñen que vivir a diario estes profesionais, pois están expostas e expostos a unha maior probabilidade de sufrir esgotamento ou desgaste profesional.
Ao longo da charla, expuxéronse algunhas das principais variables relacionadas co benestar, para facer conscientes aos e as profesionais que non son os únicos que experimentan tales sensacións e síntomas, saiban identificalos e abordalos, e poidan así mellorar persoalmente e á súa vez, a súa intervención coas vítimas.
Larriba subliñou a necesidade de seguir traballando para achegarlles a estes profesionais que atenden na primeira liña a vítimas de violencia de xénero "as ferramentas de autocoidado e os sistemas necesarios para que poidan desenvolver o seu traballo nas mellores condicións posibles".
Quixo agradecer o traballo dos e das profesionais presentes por ser "a primeira liña de axuda" para aquelas mulleres que deciden saír do inferno da violencia machista.
"Sodes o piar fundamental para elas e por iso quero agradecervos sinceramente o traballo que realizades" destacou Larriba. Ante a carga emocional e psicolóxica que implica este labor, fixo fincapé na relevancia de accións formativas coma esta para facilitarlle esas ferramentas e capacidades "para que o traballo non volo levedes á casa".
Larriba recoñeceu que "ten que ser moi difícil" para estes profesionais "abstraerse cando unha vítima vos conta toda a súa situación de malos tratos en ocasións vividas durante anos; a súa impotencia e a súa desesperación que a conducen a unha situación de angustia indescritible; algo co que é moi difícil non empatizar e, sobre todo, como se di habitualmente non levar a casa cando un sae do seu traballo".