Coidado, un demo andará solto por Pontevedra!

Pontevedra
16 de agosto 2013

O 'demo' volverá campar ás súas anchas polas rúas do Centro Histórico de Pontevedra. Será o vindeiro venres 23 de agosto. Volve un dos eventos máis populares das Festas de Verán e faino con novo protagonista. O actor Xosé Manuel Esperante, membro de Camaruxo Teatro e colaborador habitual da compañía pontevedresa Baobab Teatro, será o encargado de substituír a Miro Magariños

Presentación da XIII Festa do Demo no Concello de Pontevedra
Presentación da XIII Festa do Demo no Concello de Pontevedra / PontevedraViva

O 'demo' volverá campar ás súas anchas polas rúas do Centro Histórico de Pontevedra. Será o vindeiro venres 23 de agosto. Volve un dos eventos máis populares das Festas de Verán e faino con novo protagonista. O actor Xosé Manuel Esperante, membro de Camaruxo Teatro e colaborador habitual da compañía pontevedresa Baobab Teatro, será o encargado de substituír a Miro Magariños.

"Ata non inferno hai ERE e o demo que manda é moi malvado", bromeou a concelleira de Festas, Carme da Silva. Explicou que Miro Magariños "xa non vai poder seguir sendo o demo, porque xa eran moitos anos de demo e non estaba para seguir facendo tantas maldades". Con respecto, ao novo 'demo', ironizou con que o elixido "acumulaba funcións, polo que terá que facer máis horas das que facía antes coas súas maldades polo inferno".

Xosé Manuel Esperante sinalou que é "un pracer e unha responsabilidade" substituír a Miro Magariños nunha personaxe que interpretou durante doce anos. "Non vou a ter o seu impacto mediático, pero intentarei subsanalo cun extra de falcatruadas e de enerxía", dixo. E adiantou que "estou desexando correr por prazas e rúas de Pontevedra", para o que recoñeceu "estou afortalando cun plan de exercicios rigoroso co meu rabo e afiando o tridente".

A programación completa da Festa do Demo é a seguinte:

  • 12.30 horas: Saída do 'demo' e o seu séquito dos Arcos de San Bartolomeu para percorrer as rúas e prazas do Centro Histórico.
  • 20.00 horas: A comitiva do 'demo' volverá saír con burlas, xogos e falcatruadas.
  • 21.00 horas: Concerto de San Bartolomeu ofrecido pola Banda de Música de Pontevedra na praza José Martí.
  • 21.30 horas: Foliada do Demo na praza do Teucro, coa actuación dos grupos Abóbriga e Os Chichisos.

 

A Foliada do Demo será un intento por revivir as verbenas tradicionais dos anos 40 e 50, segundo explicou Xosé Feijóo, un dos seus organizadores. "Queremos recuperar ese espírito cun espectáculo no que a xente non quede cos brazos cruzados e que bailen tanto nenos como avós", asegurou, tras prometer un espectáculo "directo, sencillo e digno".

Feijóo animou a que os asistentes acudan ataviados con roupa da época, xa que a praza do Teucro estará decorada igual que naqueles anos "con bombillas de luces, bandeiriñas e ata unha rosquilleira". E non descartan ata que "apareza a Garda Civil porque naquelas verbenas requeríase a súa presenza porque había que poñer orde porque se tomaba viño da casa e iso derivaba en problemas coas mozas e os mozos".

Arquivado en