Os cogomelos que pasaron de comestibles a sospeitosos, eixo das charlas nas Xornadas Micolóxicas de Bueu

Bueu
10 de novembro 2024
Actualizado: 14:47

Alexandre Mínguez, divulgador e membro do Grupo Micolóxico Galego, analizará a evolución sobre a seguridade do consumo de cogomelos

Cogomelos
Cogomelos / Foto de Andrew Ridley en Unsplash

A Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro celebra as XXV Xornadas Micolóxicas de novembro cunha programación diversa e educativa.

O martes 19 de novembro, a xornada comeza coa presentación da guía 'Mixomicetos de Galicia e Norte de Portugal' a cargo de Óscar Requejo e Floro Andrés do Grupo Micolóxico Galego.

O mércores 20, Alexandre Mínguez, divulgador e membro do Grupo Micolóxico Galego, falará sobre 'Media ducia de cogomelos que pasaron de comestibles a tóxicos ou sospeitosos'.

Neste relatorio vai abordarse con detalle a evolución no coñecemento sobre a seguridade dos cogomelos.

O xoves 21, Marisa Castro, bióloga e investigadora en micoloxía, destacará a figura de Antón Patiño «O Vello», membro de honra e fundador da A.M.N. Liboreiro, na súa charla sobre a divulgación micolóxica en Galicia.

O venres 22, José María Costa Lago da Asociación Micolóxico-Naturalista Pan de Raposo da Costa da Morte, presentará unha charla sobre 'Cogomelos de interese etnomicolóxico'.

Durante as xornadas, tamén se poderá visitar a exposición 'XXV anos de micoloxía en Bueu', que ofrece unha ollada ás actividades realizadas pola A.M.N. Liboreiro ao longo destes anos.

Todos os actos serán no Centro Social do Mar en Bueu, a partir das 20.30 horas.