Vilaboa espertará este martes 13 con xornada de festivo local na que se desenvolve o día grande do seu entroido. O programa previsto arrincará ás 10.00 horas e ata as 13.00 horas farase o percorrido de madamas e galáns polos barrios. Á primeira hora comezará a sesión vermú amenizada polo Trío Digital e para prolongar o mediodía tamén haberá comida na que non faltará o polbo e o churrasco.
Pola tarde será o momento para outra das citas masivas en Cobres durante estas datas e outra das tradicións que identifican a este entroido de Interese Turístico en Galicia e que aspira a selo tamén de interese nacional: a corrida do galo. O evento estará presentado polo humorista televisivo Isi.
Desenvolverase o 'galo no río', no que os participantes cruzan unha vara de madeira engraxada sobre o río co obxectivo de coller un galo que está suxeito ao extremo da madeira. Tamén o 'galo na vara', que é outra variante da anterior, pero coa escalada en vertical.
A tarde continuará con máis concursos e para ir coas últimas horas do entroido de Cobres, Leti da Taberna exercerá como predicadora nesta edición para proceder co sermón do galo e seguidamente a súa queima. A xornada festiva terminará cunha tirada de fogos artificiais e unha sesión musical a cargo do Dj Gabry.