Co inicio da campaña da declaración da Renda, as entidades sociais galegas quiren lembrar a campaña da X Solidaria, que este ano tentará que aumente o número de persoas que se somen a marcar a casa 106 de 'Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social'.
Durante 2023, a campaña recadou en Galicia 24.029.488 euros. Un total de 775.395 persoas, o 54,5% do total de contribuíntes, marcaron a X Solidaria na súa Declaración, o que supón unha recadación de 30’99 euros por persoa.
O ano pasado marcaron a casa 24.528 persoas máis que en 2022, o que permitiu recadar 2.638.195 euros máis. Aínda así, 647.628 contribuíntes seguen sen marcar a X Solidaria (530.187 non marcaron ningunha casa e 117.441 só marcaron a de la Iglesia).
Se todos os galegos e galegas marcasen a X Solidaria, a asignación final en Galicia sería de 39. 461 392 euros (15.431.905 máis).
Coa aspiración de que este ano esa cifra aumente, as entidades do Terceiro Sector de Acción Social Gallego, representadas por EAPN- Galicia, CERMI- Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), xuntáronse para difundir a campaña.
En Pontevedra, integrantes de COGAMI e das entidades Alcer Pontevedra, Amizade e AGL fixeron unha X con globos para facer un chamamento para que o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF continúe crecendo e así posibilite que as ONG poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas.
Todos estes fondos recibidos durante a campaña do ano pasado axudan a dar resposta a realidades concretas: apoio ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, educación para a saúde, teleasistencia, centros de atención integral para as mulleres diagnosticadas de cancro de mama, residencias, atención a persoas xordas na súa contorna socio-familiar, atención a mulleres en dificultade social, centros de día, atención a persoas sen fogar, erradicación de violencia de xénero, atención á poboación rural desfavorecida e programas de voluntariado, transporte en vehículos adaptados, entre outros moitos.
Desde as entidades de acción social galegas queren lembrar que marcando a X Solidaria, a casa de Fins Sociais, nin se paga máis nin se recibe menos diñeiro no caso de devolución e, como contrapartida, contribúese á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.