'Coa auga ao pescozo' na Illa polo cambio climático

O Salnés
27 de setembro 2019

O CEIP Torre Illa sumouse este venres aos actos do Día Mundial polo Clima simulando unha inundación como a que podería sufrir a comarca como consecuencia do cambio climático e a subida do nivel do mar

Acto do CEIP Torre-Illa no Día Mundial do Clima
Acto do CEIP Torre-Illa no Día Mundial do Clima

O cambio climático, ou emerxencia como xa se denomina, pode traer consigo importantes consecuencias na provincia. Conscientes diso son na Illa de Arousa, onde o CEIP Torre Illa sumouse este venres aos actos do Día Mundial polo Clima.

Alumnado e profesorado do centro de ensino simularon unha inundación como a que podería sufrir o municipio no futuro como consecuencia da subida do nivel do mar se non se actúa de inmediato.

'Coa auga ao pescozo' foi o lema escollido para a recreación, nun patio do colexio que pretendía converterse nun enorme mar que asolaga todo ao seu paso "e que mesmo chegaría a provocar que tamén a nosa illa, tal e como a coñecemos, desapareza, se non poñemos fin á destrución paulatina do planeta; polo que queremos e debemos concienciar da urxencia de mudar os hábitos contaminantes por medios de vida e consumo sustentables", explicaron desde o CEIP Torre  Illa.

Desta forma desde o centro uníronse ao berro mundial polo clima reclamando solucións e a implantación de enerxías limpas que reduzan a contaminación.