O xerente de Clesa en Caldas de Reis, Pablo Gómez, anunciou que próximamente necesitarán ampliar o persoal. Gómez acudiu á Deputación de Pontevedra para entrevistarse co seu titular, Rafael Louzán.
Dous meses e medio despois da posta en marcha deste novo proxecto, o grupo lácteo está afrontando un "proceso de simplificación da xestión" coa implantación de novos procedementos "para facer viable á empresa dende o punto de vista da xestión", segundo informou o novo xerente.
Durante este mes de setembro a nova Clesa está focalizando todos os seus esforzos para volver estar representada no mercado "e que poidamos ter unha implantación en todas as cadeas de alimentación de Galicia", de forma que "poderemos estar nunha distribución ponderada dun 60% en Galicia", segundo indicou Pablo Gómez
A día de hoxe o persoal da factoría pontevedresa é de 31 persoas pero para o mes de novembro esperan ampliar o persoal. "O noso compromiso é cos traballadores que xa foron parte do persoal", aínda que o gerente explicou que coa implantación do novo sistema farán falta técnicos e persoal tamén novo. "Pero na súa maioría os postos serán cubertos con persoas con experiencia do anterior persoal excedente no seu momento da antiga Clesa", asegurou.
Pola súa banda, a Deputación fará "actuacións de mantemento" das instalacións de Caldas de Reis e "melloraranse os accesos", detallou o presidente da institución, Rafael Louzán, tralo encontro mantido co xerente da factoría.
"Queremos colaborar na reactivación económica desta empresa", apuntou Louzán en referencia á Agrupación de Cooperativas Lácteas, Acolat, "o mesmo que se apoiou desde aquí a outras cooperativas", entre as que citou as firmas Martín Códax, Vitivinícola Arousana e Condes de Albarei.