A illa da Toxa acolle os vindeiros 27 e 28 de xuño o Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics (AWEEE), unha cita que, na súa sétima edición, xa goza dun prestixio que o converte nun dos congresos de referencia en economía enerxética e medioambiental a nivel europeo.
A filosofía desta cita é a de "crear un punto de encontro internacional onde se discutan os avances recentes nun campo académico en ebulición", como destaca o catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade e membro do comité do congreso, Xavier Labandeira.
Acudirán á Toxa dúas grandes figuras da materia, o profesor Rick van der Ploeg, da University of Oxford, e a investigadora Karen Palmer, con máis de 20 anos de experiencia na organización sen ánimo de lucro Resources for the Future.
Todos os convidados presentarán os seus traballos, e ademais os que acudan en calidade de investigadores invitados deberán xestionar sesións científicas e comentar outros documentos presentados. Tamén estarán presentes na illa Antonio Bento (SC), Christoph Böhringer (KIT), Marco Casari (UNIBO), José María Labeaga (UB e UNED), Juan Pablo Montero (PUC) e Michael Pollitt (University of Cambridge), que traballarán en colaboración co comité do workshop, formado polos profesores Massimo Filippini, do ETH e Andreas Löschel, do ZEW, acompañados polos docentes da Universidade de Vigo Carlos de Miguel e o propio Labandeira.