Claman desde Caldas pola "liberación inmediata" de Carlos Correa, desaparecido o martes en Venezuela

Pontevedra
11 de xaneiro 2025
Actualizado: 18:38

A sobriña de Correa pide "información", pois non saben onde está desde que foi aborado por persoas encapuchadas en Caracas. Piden ao Goberno español que actúe, pois ten dobre nacionalidade

Carlos Correa
Carlos Correa /

A familia de Carlos José Correa Barros, desaparecido en Venezuela desde o pasado martes, clama pola súa "inmediata liberación" e por conseguir "información" sobre o seu paradoiro.

Correa é de orixe galega e ten familia en Caldas de Reis. Desde esta localidade pontevedresa, unha das súas sobriñas, filla da súa irmá Rosario, relata a PontevedraViva que piden tamén a intervención do Goberno español, pois os seus pais eran galegos e el ten dobre nacionalidade española e venezolana.

A súa sobriña Carmiña insiste en que non saben nada do seu tío desde o martes, cando uns encapuchados o abordaron no centro de Caracas e leváronllo.

"O Goberno nin sequera recoñece que o teñan eles", indica a súa sobriña, que engade que o seu tío é activista e director da organización Espazo Público, que sempre loitou por impedir medidas que Nicolás Maduro acaba de anunciar en Venezuela contra os dereitos humanos e a liberdade de información.

Igual que fai a súa esposa, Mabel Calderín, desde Venezuela, a familia caldense de Correa pide información e que se "garanta a súa integridade persoal, saúde e respecto á vida".

A Comisión Interamericana de Dereitos Humanos adoptou a Resolución 3/2025, mediante a cal outorgou medidas cautelares en beneficio de Carlos Correa, tras considerar que se atopa "nunha situación de gravidade e urxencia tendo en conta que os seus dereitos á vida e integridade persoal enfrontan un risco de dano irreparable en Venezuela".

Esta é a solicitude presentada. E tamén OuNG venezolanas pediron a liberación e a súa esposa introduciu un recurso de 'habeas corpus' para coñecer o seu paradoiro.

A súa sobriña lamentaba este sábado que "xa van máis de 90 horas sen saber onde está".

A súa desaparición produciuse o mesmo día que a detención de sete políticos opositores, entre eles o excandidato presidencial Enrique Márquez.