Ciudadanos solicita a creación dunha mesa de traballo para actualizar o plan de emerxencias e "adaptalo á cidade actual".
A concelleira de Ciudadanos, María Rey, fixo esta proposta despois da comparecencia de Manuel Torres, xefe de bombeiros de Pontevedra, na comisión de réxime interior para explicar a actuación no incendio da Ferrería.
Rey propón a creación dunha mesa de traballo como unha ferramenta "áxil, eficaz e multidisciplinar" e lembra que o plan de emerxencias vixente foi actualizado no 2007 e quedouse "obsoleto e ineficaz".
A edil de Ciudadanos cre que, seguindo o modelo de cidades como Santiago, o plan municipal debe facer "especial fincapé no centro histórico, principal patrimonio da cidade", xa que entende que polas súas características tanto de accesibilidade como construtivas, "a probabilidade de grandes danos é moi elevada".
María Rey recalca que "o plan de emerxencias municipal non pode ser un mero documento expositivo senón que debe ser un alicerce fundamental para os servizos de emerxencia, cuns simulacros anuais previstos e adecuados que poidan actualizar o plan de emerxencia en función das deficiencias que se detecten, ademais dos cambios urbanísticos producidos na cidade, conseguindo que o plan de emerxencia sexa unha ferramenta viva e eficaz para maior seguridade dos veciños e veciñas".