Ciudadanos pide un plan de rescate para os feirantes ante o "abandono" da Xunta

O Salnés
26 de xuño 2020

A candidata de Ciudadanos á presidencia da Xunta, Beatriz Pino, lamentou o "abandono" ao que someteu a Xunta de Galicia aos feirantes galegos, cuxa actividade se atopa paralizada como consecuencia da pandemia do coronavirus

Reunión de Beatriz Pino e Sara Giménez con feirantes galegos
Reunión de Beatriz Pino e Sara Giménez con feirantes galegos / Ciudadanos

A candidata de Ciudadanos á presidencia da Xunta, Beatriz Pino, lamentou o "abandono" ao que someteu a Xunta de Galicia aos feirantes galegos, cuxa actividade se atopa paralizada como consecuencia da pandemia do coronavirus.

Tras un encontro con este colectivo en Vilagarcía, Pino reclamou un plan de rescate para este sector porque os miles de postos de traballo que xeran en Galicia "están desprotexidos".

"Estamos moi preocupados polo seu futuro porque non saben que facer, como e cando van volver aos seus postos, mentres seguen pagando os seus impostos", sinalou.

Nesta reunión, a candidata por Pontevedra estivo acompañada pola portavoz de igualdade de Cidadáns no Congreso, Sara Giménez.

A deputada defendeu que o sector necesita "respostas concretas" e engadiu que as administracións "non poden mirar cara outro lado" nesta situación de "desprotección".