Ciudadanos pide a comparecencia do xefe de bombeiros para explicar o operativo de extinción

Pontevedra
03 de febreiro 2016

María Rey insiste en que "non buscamos ningún enfrontamento, nin culpables, nin erros, nin responsabilidades políticas", senón que cre que é necesario celebrar unha comisión na que compareza e "explique se hai os medios necesarios suficientes" para actuar neste tipo de situacións de emerxencia

María Rey
María Rey / Mónica Patxot

A concelleira do grupo municipal de Ciudadanos (C's), María Rey, quere que o xefe de bombeiros de Pontevedra, Manuel Torres, compareza nunha comisión para dar explicacións sobre o operativo despregado na noite deste luns día 1 para sufocar o incendio declarado no edificio da praza da Ferrería e a rúa Michelena, especificando as actuacións realizadas

María Rey solicitouno formalmente na mañá deste mércores e, posteriormente, indicou, a través dun comunicado que "o traballo dos bombeiros en ningún caso se pon en dúbida", senón "ao contrario", pois cre que "vimos en acción a un equipo humano extraordinario".

A edil insiste en que "non buscamos ningún enfrontamento, nin culpables, nin erros, nin responsabilidades políticas", senón que o que pretende é "mellorar sempre, se é posible ou necesario, pero sen medo a preguntar". E,neste caso, cre que é necesario celebrar unha comisión na que compareza e "explique se hai os medios necesarios suficientes" para actuar neste tipo de situacións de emerxencia.

A concelleira pediu que compareza, se é posible, na Comisión de Réxime Interior que se celebrará este xoves no Concello de Pontevedra. Apunta a esa posibilidade, pero aclara que "non poñemos prazos nin nos pechamos a outras comisións".

A idea é que Manuel Torres achegue explicacións e responda ás preguntas dos distintos grupos políticos en relación aos protocolos de actuación do Concello de Pontevedra para previr este tipo de situacións.

A sede de Ciudadanos en Pontevedra está situada no edificio contiguo ao accidentado, pero non tivo que lamentar danos.

Arquivado en