A concelleira de Ciudadanos, María Rey, acusou de plaxio á formación política de Marea Pontevedra.
Sucedeu o pasado venres na sala de comisións do Concello. María Rey convocou ao concelleiro portavoz de Marea, Luís Rei, xunto ao resto de portavoces da oposición: Jacobo Moreira e Agustín Fernández, polo Partido Popular e Partido Socialista, respectivamente.
Neste encontro a edil de Ciudadanos recriminou a súa actitude a Marea. En concreto, segundo detallou a propia concelleira, Marea presentou un borrador de regulamento de participación cidadá no que incluía a proposta que María Rey presentara por escrito dúas semanas antes para que se establecese unha quenda de intervención aberta aos veciños nos plenos.
Ademais, Ciudadanos rexistrou unha moción o pasado mes de decembro sobre o incumprimento por parte do goberno local das mocións aprobadas polo pleno, e segundo asegura María Rey, un mes máis tarde Marea presentou unha interpelación no mesmo sentido.
O enfrontamento entre estas dúas formacións políticas agravouse desde que a concelleira de Ciudadanos preside, grazas ao apoio do BNG, a comisión informativa especial do PXOM, que foi unha iniciativa que partiu de Marea Pontevedra.