Citan a tres funcionarios como testemuñas polas obras de Eiriña investigadas na Operación Patos

Pontevedra
10 de marzo 2016

A este respecto, o concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima, reiterou a "máxima colaboración" do goberno municipal coa xustiza e transmitiu a "tranquilidade" do Concello ante esta investigación

Entrada das dependencias administrativas do Concello na rúa Michelena
Entrada das dependencias administrativas do Concello na rúa Michelena / Mónica Patxot

Tres funcionarios do Concello de Pontevedra, dous pertencentes ao servizo de Intervención e un terceiro de Secretaría, foron citados como testemuñas na peza separada da Operación Patos que investiga tres obras adxudicadas á empresa Eiriña no concello: a reforma das rúas Avenida de Lugo e Santa Clara e a rehabilitación dun viario en Salcedo.

Aos tres, o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra citounos para os días previos á Semana Santa.

A este respecto, o concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima, reiterou a "máxima colaboración" do goberno municipal coa xustiza e transmitiu a "tranquilidade" do Concello ante esta investigación.

Nos expedientes destas tres actuacións, valoradas no seu conxunto en dous millóns de euros e executadas en 2013, "non se ve irregularidade algunha no ámbito administrativo ou penal", apuntou García Legísima.

Esta é unha das tres pezas separadas da Operación Patos que chegaron aos xulgados de Pontevedra. Estas tres obras adxudicadas a Eiriña están a ser investigadas tamén en relación a unha doazón da empresa construtora para a cabalgata de Reis.

Outra investigación, agora arquivada provisionalmente ao non apreciar o xuíz ningún delito ante as probas presentadas, buscaba aclarar os supostos "enchufes" en Cespa por parte de políticos e funcionarios do Concello de Pontevedra.

A terceira causa que investigan os xulgados pontevedreses nesta Operación Patos son as presuntas irregularidades que se aprecian nunhas subvencións recibidas por Ence, utilizando para iso supostos orzamentos ficticios achegados pola empresa Eiriña.

Arquivado en