Cirrios, rulas ou garzas poboan a Xunqueira de Alba, que suma 145 especies

Pontevedra
07 de febreiro 2022

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra presentaba este luns a 'Guía de aves do ENIL Xunqueira de Alba', unha completa relación das aves que habitan neste humidal ou o visitan regularmente nas súas migracións

O concelleiro Iván Puentes e o autor da 'Guía de aves do ENIL Xunqueira de Alba', Vítor Cabaleiro
O concelleiro Iván Puentes e o autor da 'Guía de aves do ENIL Xunqueira de Alba', Vítor Cabaleiro

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra presentaba este luns a 'Guía de aves do ENIL Xunqueira de Alba', unha completa relación das aves que habitan neste humidal ou o visitan regularmente nas súas migracións.

Este traballo é unha continuación da primeira guía, elaborada once anos atrás polo mesmo autor, Vítor Cabaleiro. Nese momento, foi o requisito para solicitar que esa contorna natural fose declarada pola Xunta de Galicia como ENIL (Espazo Natural de Interese Local). Este nova guía actualiza a información sobre as especies que poboan as xunqueiras e sentará as bases para as próximas actuacións neste espazo unha vez desmanteladas as instalacións da Imprenta Provincial e o Parque de Maquinaria da Deputación, segundo indicaba o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.

"Trátase dun espazo longamente agredido, no que o Concello está a traballar para manter a riqueza vexetal, biolóxica e paisaxística que posúe e, sobre todo, para rexenerar a zona húmida e devolvela a un estado que se aproxime ao que tiña a Xunqueira orixinal", sinalaba o edil socialista, quen tamén destacaba que a meirande parte do traballo de campo realizouse "xusto cando estabamos confinados nas nosas casas no ano 2020 por mor da pandemia, o que lle deu a oportunidade de observar unha Xunqueira de Alba en estado natural", sen presenza humana.

"Un amigo que me cedeu dúas fotografías para o libro díxome: nós somos notarios do que hai agora mesmo. Isto vai quedar para a posteridade, porque moitas especies van desaparecer, como a rula, outras virán novas, todas as novas xeracións de biólogos e ornitólogos de Pontevedra teñen aquí unhas guías de referencia que lle van dicir o que houbo", manifestaba Vítor Cabaleiro para salientar a importancia de ter un recopilatorio tan exhaustivo, no que se amosan con fotografía, nomenclatura e ficha un total de 145 especies. Deste número, Cabaleiro indicaba que 12 son novas especies rexistradas neste período e que non se tiñan detectado nunca antes, entre elas un único exemplar de pelícano avistado en 2017, que os expertos calculan que veu desde Francia e que recalou no río Rons antes de que se lle perdese o rastro en Aveiro (Portugal).

Entre estas especies, o autor aludía á rula común, que nos países europeos estase a reclamar a fin da súa caza e que se atopa ameazada; o cirrio, que se acostuma a ver en bandada polo centro de Pontevedra e que acode a beber e comer á Xunqueira de Alba sen perder o voo; as garzas e patos, que aumentaron a súa poboación con respecto a hai once anos; ou a folosa acuática, a especie máis ameazada de Europa Oriental, con escasa presenza noutros países e que é moi difícil de ver.

CONTIDO DA GUÍA DE AVES

A 'Guía de aves do ENIL Xunqueira de Alba' vaise distribuír por colexios e na biblioteca pública. Calquera cidadán pode solicitala no Concello de Pontevedra.

Trátase dunha edición da Guía de Aves moito máis completa que a anterior, que ten 143 páxinas (56 máis que a primeira) e que contén fichas de 75 especies (19 fichas máis que na primeira) e 131 fotografías (57 máis que na primeira). Ademais, como novidade, inclúese ao final do libro un índice visual con pequenas fotos de tódalas especies que aparecen, facendo que atopalas resulte máis sinxelo para o lector.