Circula ebrio en bicicleta por Pontevedra saltando o toque de queda

Pontevedra
10 de marzo 2021

Foi pouco antes das catro da madrugada de onte martes. Os axentes viron que esta persoa tiña uns síntomas evidentes de consumir bebidas alcohólicas. Na proba que lle realizaron deu un resultado de 0.77 mg/l, tres veces máis que a taxa máxima permitida polas autoridades

Control de alcohol e drogas da Policía Local de Pontevedra
Control de alcohol e drogas da Policía Local de Pontevedra

Un pontevedrés foi denunciado pola Policía Local tras ser interceptado circulando en bicicleta pola Praza de Galicia de madrugada e facelo ademais en estado ebrio.

Foi pouco antes das catro da madrugada de onte martes. Os axentes viron que esta persoa tiña uns síntomas evidentes de consumir bebidas alcohólicas.

Na proba que lle realizaron deu un resultado de 0.77 mg/l, tres veces máis que a taxa máxima permitida polas autoridades.

A Policía Local denunciouno por conducir baixo os efectos do alcol e por saltar o toque de queda sen causas xustificadas. Ambas as sancións supoñeranlle unha multa de 1.600 euros.

Desde a Policía Local lembran que os condutores de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal teñen a obrigación de someterse as probas de drogas e alcol como calquera condutor.

Con respecto a este tipo de actuacións, ao longo da semana pasada a Policía Local de Pontevedra levou a cabo unha campaña de tráfico de alcol e drogas.

En total, realizáronse dez puntos de control nos que pararon a 1.167 vehículos. Entre eles non houbo denuncias por consumo de alcohol e tan só dous por drogas.