A colaboración cidadá coa campaña "Ningunha crianza sen xoguete" permitirá que este Nadal preto de 50 familias de Poio poidan repartir agasallos.
Desde o goberno municipal destacan que a veciñanza da vila "volveu demostrar a súa empatía e axuda" para que nestas datas tan especiais "a maxia chegue a todas as crianzas do concello".
Así o subliñou a edil responsable da área de benestar social, Natividad Torres, que coordinou esta iniciativa solidaria.
Durante o tempo que durou a campaña recolléronse entre o Pazo Besada e a Casa Rosada xoguetes de todo tipo e para todas as idades, desde xogos de mesa, ata bonecas, puzzles, vehículos, construcións ou peluches.
Calculan que todos os agasallos entregados serán suficientes para repartir entre máis de 80 nenas e nenos, "un xesto que permitirá que poidan pasar o Nadal cun sorriso".
Unha vez recollidas todas as doazóns, estes días persoal municipal coa colaboración da veciña Silvia Ramírez xa está preparando todas as doazóns para repartir entre as familias nos días previos ao Nadal.
A concelleira destaca que ademais da xenerosidade de tantas persoas, tamén é importante destacar que doaron xoguetes en moi bo estado ou practicamente novos, limpos e en bo estado "para darlles unha segunda vida e facer felices a moitos nenos e nenas".
A campaña solidaria "Ningunha crianza sen xoguete" impulsada polo Concello de Poio quere garantir que ningún neno ou nena perda a ilusión polas festas de Nadal, sexa cal sexa a situación ou as dificultades que haxa nos seus fogares.