Cincuenta anos de fidelidade ao Liceo Casino

Pontevedra
23 de agosto 2018

O Liceo Casino de Pontevedra recoñeceu aos seus "Socios de Honra" cun xantar-homenaxe celebrado no Parque de Verán da Caeira. Trátase daqueles asociados que contan cunha antigüidade ininterrompida de 50 anos como socios de número.

Xantar-homenaxe aos socios de honra do Liceo Casino 2018
Xantar-homenaxe aos socios de honra do Liceo Casino 2018 / Paula Sanmartín

O Liceo Casino de Pontevedra recoñeceu aos seus "Socios de Honra" cun xantar-homenaxe celebrado no Parque de Verán da Caeira. Trátase daqueles asociados que contan cunha antigüidade ininterrompida de 50 anos como socios de número.

Este ano foron un total de oito os recoñecidos como "Socios de Honra": Juan Bernardo López, Benigno Esperón Sertal, Ricardo Juan Frade Prado, Carlos Alberto González Rodríguez, Gonzalo González Lorenzo, Pio Iglesias Dapena, Eduardo Lendoiro Mateos e Mario Orjales Pita, que deste xeito se incorporan a unha categoría que ostentan actualmente 130 socios.

Os socios chegaron ao Parque de Verán acompañados polos seus convidados. Todos eles foron recibidos pola directiva que preside Jaime Olmedo.

Tras realizar a tradicional "foto de familia", os comensais asistentes foron ocupando as súas mesas para degustar un menú especialmente deseñado para o evento por Servicios Galicia, S.L.

O entrante contaba cunha ampla variedade de aperitivos a base de empanada de follado de zamburiñas, bocadiño de xamón ibérico con fondo de tumaka, luras á andaluza, lagostinos crocantes con alioli de limón e croquetiñas caseiras de ibérico. O prato principal consistía nun delicioso redondo de tenreira asada co seu mollo ligado e timbal de espárragos verdes con emulsión de patacas e ceboliño. Como sobremesa, un milfollas de nata e crema con toque de vainilla.

Finalizado o xantar, deu comezo unha cerimonia cargada de agarimo e bos recordos. Os novos socios de honra recibiron, de mans da directiva do Liceo Casino, a insignia de ouro que recoñece os seus cincuenta anos de fidelidade, ademais dun diploma acreditativo, pechando o acto o presidente, Jaime Olmedo, quen dedicou unhas cariñosas palabras aos homenaxeados, sinalando a achega dos "Socios de Honra" e as súas familias a unha sociedade que xa cumpre 163 anos.