Cinco veciñas protagonizan polo 8M o documental "Mulleres que fan Poio, as que abriron camiño"

Poio
01 de marzo 2024

Os colexios acollerán o contacontos "Mulleres que fan Poio", a cargo de Polo correo do vento

Presentación do documental "Mulleres que fan Poio, as que abriron camiño"
Presentación do documental "Mulleres que fan Poio, as que abriron camiño" / Concello de Poio

"Mulleres que fan Poio, as que abriron camiño" centrará a programación do Concello para conmemorar o 8 de Marzo, Día da Muller. 

Trátase dunha homenaxe a cinco veciñas, unha de cada parroquia, que se desenvolverá o propio venres, día 8, no Palacete Besada a partir das 19.30 horas, na que tamén se visualizará un documental sobre a súa traxectoria.

Esta xoves o alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, presentaron a programación, acompañados pola directora do Centro de Información á Muler (CIM), Raquel Morales, e polo creador do documental das cinco protagonistas, Quique Morales.

"Rosalía Outón, de Raxó; Elena Padín, de Samieira; Marina Buceta, de Combarro; Milagros Pérez, de San Xoán, e Peregrina Nores, de San Salvador, son cinco mulleres fortes e loitadoras, referentes, cunha grande historia de vida, e que deben servir de inspiración para as novas xeracións", destacou Moldes. 

O alcalde quixo enviar tamén "un agarimoso saúdo" a Jesusa Pazos, veciña de San Xoán, "outra das nosas referentes" pero que, finalmente, por motivos de saúde non puido participar.

As homenaxeadas polo 8M son "mulleres que destacan pola súa traxectoria persoal, social ou laboral, e que son un exemplo da participación da muller na sociedade. Son mulleres que axudaron a facer Poio e, polo tanto, das que nos sentimos moi orgullosos", engadiu.

Ademais agradeceu ao Consello Municipal da Muller a súa colaboración na selección das homenaxeadas deste ano.

Esta homenaxe vai ser o acto central da conmemoración do Día da Muller en Poio, pero tamén se trasladará aos centros de ensino. "A educación debe ser a base para avanzar cara a igualdade real e efectiva", indicou a concelleira Natividad Torres. Nesta liña, recordou que xa se involucrou á mocidade na campaña de sensibilización do 25N e rexeitamento das violencias machistas, "e volvemos a apostar por organizar, en colaboración cos colexios, estas actividades nas que nenas e nenos coñezan as historias de superación das súas veciñas e, sobre todo, para que contribúan a espertar conciencia, rachar estereotipos e fomentar a igualdade entre as xeracións máis novas".

Así, o 20 de marzo, Polo correo do vento levará o contacontos "Mulleres que fan Poio" aos colexios Viñas e Chancelas, mentres que o 5 de abril achegaranse aos centros de Lourido e Espedregada, e o día 10 rematarán co alumnado do Isidora Riestra.

Por último, Quique Morales, autor do documental, sinalou que "vai ser tamén un agasallo para as súas familias, para a veciñanza e moi interesante para a rapazada, para que saiban que o que agoran teñen é porque antes houbo mulleres que tiveron que pelexar contra moitas cousas".

Arquivado en