Pontevedra xa entrou na conta atrás para a Feira Franca, que este ano se celebrará o venres 5 e o sábado 6 de setembro. A recta final é xa visible nas rúas da cidade, onde o Concello iniciou os traballos de montaxe para a ambientación do evento. Para transportar a vila á época medieval, instalaranse 500 estandartes e empregaranse cinco quilómetros de telas, 3.000 metros de tela de saco e 500 metros de papel para ambientar fachadas e rúas.
Os traballos de decoración comezaron este luns e prologaranse durante os vindeiros días. Entre as tarefas que xa están en marcha atópase a instalación de tres portas: na rúa Batista móntase a porta de Alhóndigas ao lado do Concello; na rúa Sarmiento, de saída a Cobián Roffignac móntase a porta de Santa Clara; e no paso da rúa Michelena á praza da Ferraría a porta de Trabancas.
Ademais, a partir da vindeira semana comezará a montarse a Muralla medieval da cidade ao carón do Concello e colocaranse dous dragóns na praza de Ourense, dúas árbores con elfos nos xardíns de entrada á Alameda, monolitos de cantigas na praza de Curros Enríquez, o circuíto medieval infantil na praza da Pedreira e baños que se colocarán na Alameda.
Este ano faltará á cita o castelo medieval que se instalaba nas últimas edicións na praza de España. O espazo quedará aberto como lugar de transición entre distintos ámbitos de reclamo para os visitantes.