Cinco mocións animarán o debate no pleno municipal de Pontevedra

Pontevedra
14 de abril 2025
Actualizado: 14:14

Na orde do día apenas hai asuntos na parte resolutiva, máis aló dunha aprobación de varias facturas sen tramitación previa

Eva Vilaverde, teniente de alcalde
Eva Vilaverde, teniente de alcalde / Pablo Ajuria / Brais Porto

O Concello de Pontevedra acolleu este luns unha Xunta de Portavoces do tres grupos políticos con presenza na Corporación municipal que acordaron convocar unha sesión plenaria de carácter ordinario, este luns, 21 de abril, ás 11:30 horas.

Segundo explicou en rolda de prensa a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, este atraso de media hora respecto ao horario habitual dos plenos débese á coincidencia coa celebración da Xunta de Goberno da Deputación, na que participa o portavoz do PP e vicepresidente provincial, Rafa Domínguez.

Na orde do día apenas hai asuntos na parte resolutiva, máis aló dunha aprobación de varias facturas sen tramitación previa. Son as mocións presentadas pola oposición as que animarán o debate.

Pola súa banda o Partido Popular presentará tres propostas. Nunha delas insta o goberno local a reabrir a avenida de Raíña Vitoria e modificar o artigo 4 da Ordenanza de Mobilidade para evitar que se poida ordenar o peche ao tráfico dunha vía municipal mediante un bando da Alcaldía.

Nas outras dúas mocións os populares reclamarán a humanización da Praza da Capela de San Amaro e un Plan de apoio familiar para a mellora da conciliación.

O Partido Socialista levará ao pleno unha moción na que solicitará ao Concello de Pontevedra que pida á Xunta de Galicia que dote ao Hospital Montecelo dun número de prazas públicas de aparcadoiro suficientes para facer fronte á crecente demanda deste centro hospitalario e que sexan gratuítas, tamén se insta ao goberno local a promover alternativas de aparcadoiro gratuíto.

A outra iniciativa do PSOE esixe ao goberno local unha mellora das instalacións e un mantemento regular do complexo deportivo Manolo Barreiro.

Ademais, instan o Concello de Pontevedra e a Xunta a alcanzar un acordo cos respectivos consellos escolares para a construción dun novo campo habilitado para fútbol 11 e 8, rugby e béisbol no CEIP Xunqueira 2 e doutro para fútbol 8 no IES A Xunqueira I, garantindo así a práctica deportiva e de lecer do alumnado e, ao mesmo tempo, fóra do horario lectivo e das actividades extraescolares, incrementando a oferta de horas de adestramento e competición a disposición dos equipos pontevedreses.