Ao longo dos últimos anos, o Concello de Pontevedra foi dando pasos para recuperar a fachada costeira de Ponte Sampaio. A retirada do campo de fútbol ou a ampliación da praia foron algúns dos fitos marcados nesa estratexia de renaturalización da parroquia.
Pero agora, o goberno municipal decidiu ir máis aló e apostar por unha actuación que recuperará e rexenerará toda a Xunqueira de Ponte Sampaio, que segundo o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, é unha das áreas naturais "máis atractivas" de todo o municipio.
"Hoxe máis que nunca estamos nun momento no que existe unha preocupación absoluta pola crise climática e temos que protexer a costa e poñer en valor os recursos naturais", sostivo Fernández Lores na presentación deste proxecto.
Acompañado do edil Raimundo González, o alcalde pontevedrés explicou que esta actuación, na que o Concello prevé investir 5,33 millóns de euros, foi consultada cos veciños "para ver que era o que querían facer".
O proxecto, que foi deseñado polo estudo de arquitectura pontevedrés rodriguez + pintos, contempla actuar sobre un espazo de máis de 25.000 metros cadrados. É toda a área comprendida entre a ponte medieval e o colexio público.
A praia, a xoia natural de todo este ámbito, aumentará notablemente de tamaño. Pasará de ocupar 3.300 metros cadrados a máis de 7.300. Ademais, estará rodeada dunha gran zona verde con áreas de sombra e arboledo con especies autóctonas.
Dentro dos usos sociais e deportivos que se expoñen, instalaranse dous embarcadoiros nos extremos da Xunqueira -uno xunto á nave de piragüismo e outro á beira do colexio, para fomentar a práctica de deportes de auga, entre eles o piragüismo ou o pádel surf.
Outra das grandes novidades desta actuación será a construción dun pequeno espigón no río, no que haberá unha zona de xogos de auga.
A renovación da praia fluvial de Ponte Sampaio, que o alcalde definiu como un proxecto "ambicioso e agardado", completarase cunha área que actuará como 'campo de festa' e dúas zonas de aparcamento, preto da praia e xunto ao campo de fútbol.
Para poder abordar esta actuación, o Concello necesita a autorización de Costas que, desde o ano 2016, ten pendente autorizar a desafectación de todos estes terreos. "Non hai escusas", segundo Fernández Lores, para que esta decisión chegue "nun tempo razoable".
Unha vez se obteñan os permisos correspondentes, o goberno municipal estudará a posibilidade de presentar este proxecto ás convocatorias abertas de fondos europeos, ao entender que encaixa nos criterios marcados en materia de loita contra o cambio climático.