Cinco edificios municipais queren saber o seu consumo enerxético real para encarar un proceso de descarbonización

Pontevedra
28 de maio 2022

A sede do Concello de Pontevedra en Michelena 30, o pavillón municipal, o Pazo da Cultura, o Teatro Principal e a Casa Consistorial. Estes cinco edificios de titularidade municipal acaban de comezar o camiño cara á descarbonización co obxectivo final de lograr o auto abastecemento

Planta baixa do edificio municipal de Michelena 30
Planta baixa do edificio municipal de Michelena 30 / Mónica Patxot

A sede do Concello de Pontevedra en Michelena 30, o pavillón municipal, o Pazo da Cultura, o Teatro Principal e a Casa Consistorial. Estes cinco edificios de titularidade municipal acaban de comezar o camiño cara á descarbonización co obxectivo final de lograr o auto abastecemento.

O obxectivo é buscar edificios máis eficientes, con menor pegada de carbono, máis sostibles, autosuficientes, ademais de tratar de rebaixar o consumo municipal.

A Concellaría de Réxime Interior xa deu o primeiro paso. Acaba de solicitar o certificado de eficiencia enerxética dos cinco edificios. Con esta petición, coñecerá a situación real de consumo enerxético de cada instalación para iniciar o proceso de descarbonización de todos eles.

Segundo a información facilitada polo Concello, o obxectivo é que a estes edificios se sumen as rehabilitacións integrais do edificio do antigo Conservatorio, o denominado Laboratorio da creatividade, situado no edificio de Alfonso XIII, e tamén Do edificio administrativo da rúa Churruchaos que se destinará a oficinas municipais. Os dous xa dispoñen do certificado enerxético que se incorporou aos proxectos de rehabilitación e xa recollen medidas de eficiencia enerxética.

Os certificados de eficiencia enerxética agora solicitados polo departamento que dirixe Anabel Gulías coñeceranse nas vindeiras semanas e permitirán determinar o consumo real dos inmobles.

Estes marcarán as liñas de traballo para a descarbonización, con medidas como a colocación de paneis solares, a mellora das fachadas dos edificios, a substitución de fiestras e vidros, a impermeabilización ou o uso de aerotermia.

O Concello lembra que esta liña de traballo é coincidente coa filosofía do Efecto PO2 que está a marcar a liña de actuación da promoción da cidade nos últimos tres anos.