A cuarta fase da área de rehabilitación integral (ARI) do centro histórico de Pontevedra permitirá non só rehabilitar vivendas desta zona urbana senón tamén recuperar cinco edificios cuxo estado actual non é o adecuado.
A portavoz do goberno municipal, Carme da Silva, explicou que nestas cinco edificacións investiranse 700.000 euros, que serán financiados entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra e os respectivos promotores privados.
Ademais, no marco da ARI tamén se subvencionarán dez rehabilitacións, nas que se investirán de maneira conxunta outros 281.000 euros.
Así, dos 981.000 euros que se inclúen na cuarta fase de recuperación do centro histórico os propietarios dos inmobles achegarán 625.000 euros, mentres que 245.000 euros chegarán de Fomento, 63.000 euros do Concello e 48.000 euros da Xunta.
Con respecto á ARI de Estribela, que chega á súa novena fase, financiaranse 28 rehabilitacións de vivendas, nas que se investirán un total de 95.700 euros.
Neste caso, é o Concello de Pontevedra o que máis diñeiro achega con 33.800 euros, fronte os 30.000 de Fomento, os 22.000 euros dos promotores e os 9.600 euros da Xunta.
EDIFICIO MUNICIPAL DE SANTA CLARA
Na Xunta de Goberno deste luns tamén se autorizou a contratación das obras de rehabilitación do edificio municipal de Santa Clara, no que está situado o CIM. Trátase dunha reforma de 9.700 euros para adaptar as instalacións aos seus novos usos. Os traballos teñen un prazo de execución de dous meses e serán financiados ao 80% polos fondos FEDER.
Ademais, o goberno municipal estendeu ata final de ano o contrato de emerxencia asinado coa empresa Idades, adxudicataria do servizo de axuda no fogar, para ampliar as horas de atención aos usuarios en 6.471 horas pola alerta sanitaria da COVID-19.