O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Moraña, anunciado hai cinco anos para garantir a seguridade na comarca do Ulla-Umia, continúa sen ser operativo, segundo denuncia o deputado do BNGLuís Bará, quen levará este caso ao Parlamento galego.
Esta situación deixa nunha grave desprotección os concellos de Moraña, Campo Lameiro, Cuntis, Caldas de Reis, Portas, Catoira e Barro.
Segundo explicou Bará, no ano 2020 a Comisión de Seguimento dos GES acordara a creación desta base en Moraña para substituír a de Valga, desmantelada por conflitos laborais.
A nova localización, que debía mellorar a atención na zona, converteuse nunha promesa incumprida, segundo denuncia o BNG. Desde entón, a situación dos servizos de emerxencia na comarca permanece sen solución.
A pesar de que no ano 2021 se convocaron doce prazas para formar o equipo do GES e mesmo se publicaron os resultados do proceso selectivo, tres anos despois o grupo aínda non existe.
Como exemplo do inmobilismo da Xunta, o deputado nacionalista lembrou que en 2022 se fixo entrega dun vehículo Bomba Urbana Lixeira, valorado en 150.000 euros, ao inexistente GES. Este vehículo leva anos sen ser utilizado, o que para o deputado representa "un dispendio de fondos públicos e un exercicio de propaganda baleira".
Esta demora na posta en funcionamento do GES compromete a resposta ante emerxencias nunha zona que quedou fóra da cobertura dos grupos con base en Padrón e A Estrada tras a reestruturación territorial. Ademais, Bará sinalou a responsabilidade da Xunta nesta desprotección, que afecta tanto ao territorio como ás persoas dos municipios implicados.

O Bloque Nacionalista Galego anunciou unha campaña para visibilizar esta problemática nos concellos afectados.
Por unha banda, rexistraron preguntas e unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia, esixindo á Xunta e ao Concello de Moraña a inmediata activación do GES. Por outra banda, levarán a cabo actos e reunións co obxectivo de mobilizar a veciñanza.
Luís Bará subliñou que a posta en marcha do GES de Moraña é fundamental para garantir unha resposta eficaz ás emerxencias no interior da provincia de Pontevedra, especialmente en zonas que, na actualidade, carecen dunha cobertura axeitada.
Así mesmo, insistiu en que a cidadanía de Ulla-Umia non pode seguir sufrindo as consecuencias de anos de atrasos e incumprimentos.