O CIM, unha "prioridade" para Soutomaior que atendeu 610 consultas en 2024

Soutomaior
28 de xaneiro 2025

A concelleira de Igualdade, a directora-psicóloga e a técnica de Igualdade do Centro de Información á Muller de Soutomaior presentaron a memoria 2024

Rosana Martínez, Cristina García e Marga Taboada
Rosana Martínez, Cristina García e Marga Taboada / Concello de Soutomaior

O Centro de Información á Muller (CIM) de Soutomaior atendeu durante o ano 2024 un total de 610 consultas, das que a atención psicolóxica e a información sobre recursos de conciliación foron as máis habituais.

Así, houbo 127 consultas de asesoramento xurídico, 212 para atención psicolóxica, 15 sobre atención a vítimas de violencia de xénero e 255 de información sobre outros recursos de conciliación e outras actividades de igualdade.

Ademais, tramitáronse solicitudes de axudas a todas aquelas mulleres que o demandaron, entre elas, a prestación de pago periódico para vítimas de violencia de xénero (3 solicitudes), a prestación de pago único (2) ou as estadías de tempo libre.

Tamén se tramitaron dúas novas solicitudes de  servizo de acompañamento telefónico ATENPRO para vítimas de violencia de xénero.

O CIM tamén promoveu en 2024 o Espazo Autocoidado cun total de seis obradoiros nos que participaron 90 mullleres. Foron sobre apoderamento corporal, mindfullness, arteterapia, autocoñecemento para o cambio, chan pélvico e igualdade afectivo-sexual.

No ano 2024 tamén se fomentaron, dentro do Espazo Concilia, catro campamentos para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante períodos non lectivos dos colexios, cunha participación de143 nenas e nenos do municipio.

Realizáronse actividades especificas para conmemorar as datas do 8 de marzo e o 25 de novembro, días internacionais da muller e contra a eliminación da violencia machista, e mantivéronse e fortalecéronse as estruturas de coordinación como as mesas de abordaxe integral para fronte a violencia de xénero e as xuntanzas da comisión municipal feminista.

Dentro do espazo redes, un programa de intervención comunitaria para fomentar o tecido asociativo e a creación redes veciñais entre mulleres, desenvolveuse o programa Enredadas cun total de 6 obradoiros con máis de 100 participantes.

Ademais, realizáronse 66 actividades dentro da programación anual de Igualdade.

A concelleira de Igualdade, Rosana Martínez Boullosa; a psicóloga e directora do CIM, Cristina García; e a técnica de Igualdade, Margarita Taboada, presentaron este martes a memoria da actividade do centro e destacaron que as cifras confirman que "este centro é unha prioridade para o Concello de Soutomaior e para o Goberno Local".

O CIM está na Rúa Peirao, 8 en Arcade, no Centro de Benestar Integrado. Calquera persoa pode facer uso do servizos chamando ao númer  de teléfono 986701227 para pedir cita previa.