O CIM atendeu o ano pasado máis de 600 consultas de mulleres de Caldas de Reis, Portas e Barro

Umia
28 de marzo 2025

O pleno da corporación aprobou a renovación do convenio que permite prestar asesoramento a mulleres dos concellos de Caldas de Reis, Portas e Barro

Visita do alcalde de Caldas ao CIM
Visita do alcalde de Caldas ao CIM / Concello de Caldas de Reis

O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, e a concelleira de Igualdade, Rocío Ferro, visitaron esta semana as dependencias do Centro de Información á Muller (CIM), que presta servizo a veciñas da propia vila, así como dos municipios de Barro e de Portas.

Precisamente, no pleno ordinario do xoves a corporación municipal aprobou a renovación do convenio que permitirá ao departamento continuar ofrecendo axuda, asesoramento e organizando iniciativas pensadas na prevención e na igualdade para estes tres concellos.

Este acordo poderá renovarse de xeito anual, ata un máximo de catro anos.

Tal e como lembrou o rexedor caldense, só no ano 2024 o CIM realizou máis de 600 consultas en diferentes áreas de asesoramento xurídico, asistencia psicolóxica, atención a vítimas de violencia de xénero, orientación de emprego ou información sobre cursos.

A meirande parte das actuacións tivieron que ver co asesoramento gratuíto en materia de xustiza, así como prestación de carácter psicolóxico ou apoio a mulleres que sufriron episodios de violencia machista.

Este departamento leva operativo en Caldas de Reis desde o ano 1998.

Jacobo Pérez salientou o labor que realiza o persoal destas dependencias, que está integrado por unha avogada, unha psicóloga e unha técnica de Igualdade.

Incidiu na importancia de "ofrecer axuda a vítimas de violencia de xénero e desenvolver iniciativas en favor da igualdade de oportunidade entre homes e mulleres durante todo o ano, prestando servizo non só a veciñas do noso municipio, senón tamén da contorna, algo que nos permite o convenio que acabamos de renovar no pleno ordinario".

Desde o CIM préstase atención e asesoramento a todas as mulleres que así o demanden, tanto de xeito individual como colectivo.

Tamén se lle dá prioridade a veciñas pertencentes a outros colectivos en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social.

Outra faceta na que se pon o foco é na prevención de condutas de violencia de xénero.

Para iso, desenvólvense iniciativas e actividades nos centros educativos, en colaboración coa comunidade escolar.

O CIM atende a mulleres que veñen derivadas dos servizos sociais de Caldas de Reis, Barro e Portas, así como do centro de saúde ou do 016, así como aquelas que solicitan atención a título persoal.