CIG-Mar demanda que tanto a Xunta como o Goberno Central lle dean "cariño" ás autoridades mauritanas; un "cariño" que segundo Xabier Aboi, responsable do sindicato nacionalista, "non significa millóns".
Mariñeiros e armadores da flota cefalopodeira que faena en augas de Mauritania reuníronse este xoves xunto aos portavoces municipais e a alcaldesa do Concello de Marín, coa Conselleira de Medio Rural e de Mar, Rosa Quintana, nun encontro cualificado como "cordial" e que serviu para "poñer en claro as diferentes informacións que a día de hoxe existen no acordo pesqueiro co país africano".
Así, ademais da reunión do comité científico, no que queda de marzo as partes tamén estarán pendentes das decisións que se adopten nas comisións de Pesca, Desenvolvemento e Orzamentos, na que xa se votou a favor de que siga o protocolo".
"Custa máis ter un centenar de traballadores no paro", que dar un "cariño"
Con todo Aboi considera que este conflito pódese resolver doutro xeito e asegura que "custa máis ter un centenar de traballadores no paro", que dar un "cariño" que Aboi materializa na construción dunha planta de frío para a súa flota artesanal mauritana ou "algunha subvención para que veñan estudar Náutica a Vigo", propuxo.
Os armadores xa entenderon o que é dar "cariño" e pola súa banda, "xa embarcan máis tripulantes mauritanos que galegos".
O propio Xabier Aboi comprometeuse a "dar cariño", en alusión que non convocarán novas medidas de presión. Aínda así, advertiu que "nin a CIG nin os mariñeiros" deixarán que os leven ao matadero" e por iso, "se isto séguese torcendo" deu por feito que haberá máis protestas.
A Xunta asegura que se están pagando as axudas
A conselleira asegurou que os afectados "están percibindo as axudas" e que estas se manterán ata xullo. E asegurou que o Ministerio "xa fixo efectivo o segundo pago", confiando en ser "capaces de desatascar isto antes".
Por contra, o portavoz de CIG-Mar, Xabier Aboi, desmentiu que se estean abonando ditas axudas, ao afirmar que "aos mariñeiros débeselles un mes" e que aos armadores débenselles pagos correspondentes aos meses de outubro e novembro. "Si o di Xabier Aboi é palabra de Deus", asegurou o dirixente sindical, retando á Administración a "que me desmintan con papeis".
Ademais o portavoz de CIG-Mar anunciou que dous barcos de Marín volverán "próximamente" a porto porque "están á merluza e non lles é rendible". A estes súmase que xa "quedan catro barcos galegos menos dos que había", polo que Aboi apremou unha solución para o acordo "xusta e para todos", tendo en conta que "a nivel científico non hai problemas e a nivel político tampouco debería habelos".
En todo caso, os mariñeiros serán informados en asemblea o venres do resultado do encontro con Rosa Quintana.