CIG convoca a súa asemblea comarcal como primeira forza sindical en Pontevedra e O Salnés

Pontevedra
13 de outubro 2021

Nunha rolda de prensa celebrada na sede do sindicato CIG en Pontevedra, o actual secretario comarcal da central nacionalista, Marcos Conde, e Diana Rodríguez, integrante da executiva, anunciaban a vindeira convocatoria da VIII asemblea comarcal para este sábado 16 de outubro na Finca Batacos, e na que optan á reelección da súa candidatura

Diana Rodríguez, integrante da executiva comarcal, e Marcos Conde, secretario comarcal CIG - Pontevedra
Diana Rodríguez, integrante da executiva comarcal, e Marcos Conde, secretario comarcal CIG - Pontevedra / Mónica Patxot

Nunha rolda de prensa celebrada na sede do sindicato CIG (Confederación Intersindical Galega) en Pontevedra, na rúa Pasantería, o actual secretario comarcal da central nacionalista, Marcos Conde, e Diana Rodríguez, integrante da executiva, anunciaban a vindeira convocatoria da VIII asemblea comarcal para este sábado 16 de outubro, ás 10:00 horas na Finca Batacos, na parroquia pontevedresa de Salcedo.

Cambia o escenario habitual do Pazo da Cultura porque se precisaba dun espazo que puidese acoller ás 180 persoas que se prevé acudan a esta cita, e no momento en que se acordou o lugar a situación sanitaria era ben distinta. Mesmo houbo que adiar unha primeira convocatoria desta asemblea fixada inicialmente para o pasado mes de xuño.

Nesta asemblea, que leva por lema "Forza para avanzar", elixirase o equipo que dirixirá a sección comarcal nos próximos catro anos. A previsión é que a candidatura de Marcos Conde e toda a actual executiva, formada por sete persoas, repita mandato, xa que, a falta de menos dun día para que peche o prazo de presentación de candidaturas, fixado para o xoves 14 ás 9:30 horas, é a única que se postula.

O propio Marcos Conde indicaba que de cumprirse o previsto e ser reelixido, sería este o seu terceiro mandato e, polo tanto, a última vez que se pode presentar.

A asemblea comarcal será o momento para facer "o repaso do que foi todo o traballo feito por todo o sindicato, todos os afiliados e afiliadas, en todas as confrontacións que tivemos por diversos motivos, como a defensa da sanidade, ensino público, administración ou dereitos", apuntaba Conde.

O secretario comarcal facía fincapé en que, aínda que o labor da CIG "ten un marcado carácter de defensa dos aspectos laborais", o sindicato vai máis aló da asesoría.

"Nós entendemos que o traballo sindical ten un forte carácter político, e o dicimos con toda a carga, na necesidade que temos que para cambiar as cousas necesitamos que haxa movementos políticos que faciliten iso", engadía Marcos Conde á vez que afirmaba que "o que levamos moito tempo demandando é que se modifiquen as políticas, tanto da Xunta como do Goberno do Estado ao respecto de todos os acordos que se tomaron a raíz da crise do 2008 e sen embargo nos atopamos en que estamos na mesma situación".

FORTE PRESENZA NA COMARCA

Para reforzar esta presenza nos ámbitos de decisión, na asemblea da CIG "tocará mirar hacia adentro" e analizar a posición destacada coa que conta o sindicato no seu ámbito.

Neste sentido, Marcos Conde avanzaba que a CIG é neste momento a primeira forza sindical na comarca de Pontevedra e O Salnés. Preto de acadar esta situación de liderado atópase a comarca da Estrada, que será un dos obxectivos para os vindeiros catro anos de mandato.

Outro dato que salientaba o secretario comarcal era que dos máis de 7.200 afiliados, cada vez é máis alta a presenza feminina, cun alto número de novas incorporacións, unha tendencia que se repite en toda Galicia.

FOLGA XERAL

Diana Rodríguez, membro da executiva que opta á reelección, indicaba que un dos obxectivos para os vindeiros catro anos será consolidarse como primeira forza sindical, coincidindo con que en 2022 haberá eleccións na representación das empresas. Outra das liñas de actuación será esixir ao Goberno central a derogación das reformas laborais.

"Se as cousas non mudan e se o Goberno do Estado español non cumpre o seu compromiso, nomeadamente a ministra de Traballo, o que queremos é empezar a dar os pasos, incluso para a convocatoria dunha folga xeral na que esiximos a derogación das reformas laborais, da reforma das pensións, da reforma da negociación colectiva e do desemprego", matizaba Rodríguez á vez que denunciaba que a situación sanitaria da pandemia marcou un paréntese de ano e medio nos dereitos laborais, "afondando na crise, na precariedade e nesa situación desfavorable para os traballadores", que non se pode alongar máis, polo que pide un paso á fronte inmediato por parte do Goberno. 

Puntualmente, a fin do verán soe coincidir cun aumento do desemprego en ámbitos estacionais, como pode ser a hostalería e servizos. Con todo, Diana Rodríguez lembra que a crise laboral que se agudizou pola pandemia afecta a todos os sectores en xeral. Se cadra, si detectaron no sindicato un perfil de traballador en situación especialmente vulnerable, o que se atopa entre os 40 e 50 anos e perdeu o seu emprego porque ou ben pechou a súa empresa ou ben sufriu unha reorganización, e que ten serias dificultades para recolocarse.

NEGOCIACIÓN COLECTIVA

"Absolutamente en todos os sectores houbo unha precarización brutal. Industria: non hai unha soa empresa na que non estemos sufrindo directamente recortes, modificación de xornada, impagos ou a negociación colectiva", afirmaba Marcos Conde. Neste sentido, o secretario comarcal sinalaba que a postura da súa candidatura dentro do sindicato será firme, "nós témolo claro, vamos a iniciar un proceso de negociación colectiva onde vai haber un IPC dun 4% e nós, como CIG, non vamos pactar por menos do poder adquisitivo".

Alertaba Conde que as negociacións colectivas no resto do Estado están a tender cara á conxelación salarial, algo inadmisible para o sindicato nacionalista, polo que xa avanza que "os próximos catro anos van a ser de moita confrontación sindical contra os sindicatos UGT e Comisións, hai que nomealos así" porque "se non facemos algo as cousas non van a mellorar" e, en todo caso, esa primeira vía sería a apuntada folga xeral.