Cifras récord de visitas turísticas en Caldas nos meses de verán con elevada presenza de peregrinos

Umia
01 de outubro 2024

Segundo informa o acalde en funcións, Manuel Fariña, o novo punto de información provisional multiplicou por cinco os datos de consultas do antigo posto da Tafona. O 70% son peregrinos, fronte a un 30% de turistas xerais

Manuel Fariña diante da oficina de turismo na Rúa Real
Manuel Fariña diante da oficina de turismo na Rúa Real /

O Concello de Caldas de Reis vén de anunciar un peche de tempada estival con cifras "históricas e extraordinarias" na oficina de turismo da Rúa Real.

Segundo informa o alcalde en funcións, Manuel Fariña, o novo punto de información provisional multiplicou por cinco os datos de consultas do antigo posto da Tafona.

As estatísticas amosan un crecemento exponencial: en xullo, na antiga situación na Tafona, rexistráronse arredor de 600 visitas.

En agosto, coa nova oficina na Rúa Real, as cifras disparáronse ata preto de 3.000 consultas, e en setembro rozaron as 3.500.

Fariña destaca que este éxito demostra que "Caldas está de moda" e anuncia plans para consolidar a oficina e mellorar a experiencia dos visitantes.

O perfil dos turistas revela que o 70% son peregrinos, fronte a un 30% de turistas xerais, cunha notable presenza de visitantes internacionais (40%).

O impacto económico deste incremento turístico é significativo para a vila, sinalan desde o goberno local. O alcalde en funcións subliña a necesidade de converter as visitas de paso en pernoctacións para potenciar aínda máis o turismo local.

As consultas máis frecuentes na oficina céntranse nos puntos de interese de Caldas e a súa contorna, así como na programación de actividades municipais.

O Concello considera estes datos como un punto de partida para seguir mellorando a oferta turística e promocionar o patrimonio da vila termal.