MáIs de 20.000 persoas acudiron a Moraña durante os tres días de programación da 55 edición da Festa do Carneiro ao Espeto, segundo os datos que facilita o Concello.
Sito Gómez, alcalde deste municipio pontevedrés, sinalaba como balance que "temos unha das mellores festas gastronómicas dun lugar como Galicia, que é un referente global no ámbito culinario e ademais creo que a festa se gañou, merecidamente e co esforzo de todos os morañeses, ser a gran cita do mes de xullo".
O rexedor tivo tamén palabras de agradecemento para todos eses miles de persoas que acudiron á festa gastronómica.
A actividade arrincou na xornada dominical do 28 xa co amencer. Na Carballeira os mestres asadores comezaron a preparar os 150 lotes que se asaron nesta edición e que reuniu a preto de tres mil persoas para degustar o produto.
A este número hai que engadir outros visitantes que optaron pola restauración morañesa e tamén polos espazos particulares.
Como é habitual, a Festa do Carneiro tamén concita a numerosos representantes políticos.
Neste caso acompañando a Sito Gómez estiveron o presidente da Deputación, Luis López, os conselleiros José López e María Martínez Allegue, o delegado da Xunta, Agustín Reguera, os deputados Paula Prado e Alberto Pazos e representación de máis dunha decena de concellos da provincia.