Ciencias Sociais quere pasar a ser a Facultade de Comunicación

Pontevedra
23 de marzo 2022

Ciencias Sociais e da Comunicación iniciou os trámites para cambiar a súa denominación oficial, a través da aprobación en Xunta de Facultade da memoria na que solicita mudar o seu nome polo de Facultade de Comunicación

Facultade de Comunicación
Facultade de Comunicación

Ciencias Sociais e da Comunicación iniciou os trámites para cambiar a súa denominación oficial, a través da aprobación en Xunta de Facultade da memoria na que solicita mudar o seu nome polo de Facultade de Comunicación. 

A decana, Emma Torres, explicou que será un procedemento longo que vai ligado á creación da nova facultade que englobará o Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, ata o de agora adscritos a este centro. 

Deste xeito, explica a decana, este pasará a ser "unha facultade puramente de comunicación, polo que parécenos que simplificar a súa denominación pode ser unha boa fórmula para manter un bo posicionamento como centro de referencia". 

Unha vez concluído o proceso de creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, o centro pasará a englobar os graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, os mestrados en Dirección de Arte en Publicidade e en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais e doutoramento en Comunicación, que se leva a cabo xunto coa Facultade de Filoloxía e Tradución. 

Nese senso, a memoria aprobada en Xunta de Facultade incide en que o centro pasará a contar cunha "especificidade na oferta de títulos de comunicación que pode ser beneficiosa en termos de posicionamento e competitividade".

A actual denominación de Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, como recolle esta memoria, aprobouse en 2001, coincidindo coa implantación dos estudos de Comunicación Audiovisual, xa que a denominación inicial do centro, que iniciou a súa traxectoria en 1993 na sede provisional da rúa Sierra era o de Facultade de Ciencias Sociais. 

Esta solicitude de cambio de nome terá que ser aprobada en primeiro termo polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo e obter o informe favorable do Consello Social. Unha vez obteña o visto e prace dos órganos de goberno da institución académica, a proposta de cambio de denominación terá que pasar tamén polo Consello Galego de Universidades, ser publicado no DOG e remitido ao Registro Universitario de Centros e Titulaciones.