O Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro 19 de outubro unha nova edición da Xornada de Onomástica Galega. Será a cita número nove, organizada pola Real Academia Galega coa colaboración da Deputación Provincial e o Museo.
Nesta ocasión, terá por título 'Os outros nomes' e xirará arredor da ciencia e a intelixencia artificial, a música tradicional e os fanzines.
No apartado das intervencións didácticas, afondarase nos nomes que se lles impoñen na actualidade aos animais de compaña.
A Real Academia Galega mantén aberto o prazo de inscrición. As persoas que desexen inscribirse deben enviar un correo electrónico antes do 16 de outubro a publicacions@academia.gal indicando o seu nome e apelidos, DNI e número de teléfono.
Celebraranse no salón de actos do Edificio Castelao de 10:00 a 18:30 horas e ao final da xornada entregarase un diploma de asistencia. As intervencións poderán ademais seguirse en directo en academia.gal.
A primeira metade da mañá centrarase na ciencia. O neurofisiólogo e comunicador científico Xurxo Mariño abrirá o programa cunha intervención titulada 'Da víbora de Seoane á estrela Rosalía'.
Deseguido Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, falará sobre os nomes galegos do ceo e dos seus referentes, entre outras cuestións; e Noelia García Díaz, Elisa Fernández Rei, Adina Ioana Vladu e Carmen Magariños Iglesias, do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, afondarán no caso das intelixencias artificiais e os xeitos de nomealas.
A partir das 13:00 horas, Noemí Basanta profundará nas denominacións dos grupos de pandeireteiras e ás 13:30 horas comezará a intervención de Ramón Mariño Fernández sobre os nomes nos fanzines galegos desde 1990 até a actualidade.
Anxos García Fonte, do IES Breamo de Pontedeume, presentará xa pola tarde (16:30 horas) unha aproximación aos usos contemporáneos nos nomes de animais desde a escola.
Ás 17:30 horas será a quenda do contador e poeta Celso Santamartín, cunha actuación titulada Dicir o nome e esperar o eco.