Un barco con bandeira do arquipélago africano das illas Comoras chegou ao porto de Marín con sorpresa a bordo. En concreto, sete refuxiados sirios que, nada máis atracar nas Rías Baixas, pediron asilo político en España.
Fontes da Autoridade Portuaria confirmaron que estas persoas, que afirman ter nacionalidade siria, atópanse actualmente no interior do barco baixo vixilancia.
Tras solicitar o asilo político, o porto activou o protocolo de actuación que marca a normativa para estes casos e informouse tanto ao xulgado de garda de Marín como ao Goberno central.
Unha das primeiras xestións que están a realizar é tratar de confirmar a nacionalidade destas sete persoas e identificalas.
Á espera da resolución por parte do Goberno, o barco está vixiado por axentes de seguridade privada contratados pola empresa.
Os refuxiados ían a bordo do barco Lady Boss, que atracou no peirao reservado para as descargas para realizar unha serie de operacións con pedra.
O resto da tripulación, maioritariamente de orixe búlgara, xa abandonou o porto.