A concelleira de Cidadáns, María Rey, presentou por rexistro no Concello un escrito no que solicita ao Goberno local a colocación dunha pantalla para facilitar aos pontevedreses o seguimento do Certame de Murgas, un dos actos centrais do Entroido da cidade do Lérez.
A edil da formación laranxa lembra que todos os anos, os pontevedreses gardan cola durante horas para acceder ao Pazo da Cultura nas eliminatorias e a final do concurso, e que en ocasións espectadores tiveron que quedar fóra ao non haber aforamento suficiente.
Neste sentido, propón como escenario para esta pantalla o Teatro Principal ou mesmo o mesmo vestíbulo do Pazo da Cultura. "Tamén se pode optar por instalala, se a previsión meteorolóxica acompaña, nalgunha das prazas da cidade", sinala Rey. "Pódese aproveitar a carpa que se instala na praza da Ferrería para a entrega de premios do desfile", suxire.
"Esperemos que o Concello tome nota da idea, aínda que non xurda do goberno do BNG", concluíu.