O programa electoral de Cidadáns Pontevedra para as eleccións municipais do 26 de maio inclúe a creación de centros de día para persoas maiores en todas as parroquias do municipio.
O candidato de Cidadáns, Goyo Revenga, explicou que a súa proposta é aproveitar os distintos espazos culturais de que dispoñen as parroquias para habilitar un servizo "tan demandado" e que na actualidade en Pontevedra "está unicamente en mans privadas".
"Os nosos maiores merécense algo máis que a recompensa dun ramo de flores ao cumprir os 100 anos", valora Revenga, que critica que a atención social "non está entre as prioridades do goberno do BNG" en Pontevedra..
O programa de Cidadáns no ámbito social tamén inclúe a proposta de poñer en marcha o plan 'Quen coida ao coidador?', co que se pretende atender a aqueles coidadores que teñen ao seu cargo a persoas dependentes e ofrecer alternativas para que poidan ter un respiro, así como recoñecer o labor fundamental que desenvolven e que moitas veces non é valorada como se merece.
O modelo de atención que defende Cs para as persoas maiores pretende promover a súa autonomía e facilitar a permanencia na súa contorna de forma segura. Neste sentido, Revenga anunciou que se potenciarán programas de voluntariado que xeren redes de apoio comunitario e impulsarase a innovación na teleasistencia, así como programas de monitoraxe de fogares para a detección de riscos.