Goyo Revenga protagonizou este sábado o seu primeiro acto como candidato de Cidadáns Pontevedra ás eleccións municipais do 26 de maio. Para a súa presentación en sociedade contou co respaldo da número 2 da candidatura e alcaldable fai catro anos, a concelleira María Rey, e elixiu a Casa da Luz. Ante un grupo de simpatizantes e militantes, presentou o equipo que o acompañará e debullou as liñas básicas do seu proxecto político.
Os plans de Cidadáns pasan por un "proxecto de futuro" que busca que Pontevedra "volva ser terra de oportunidades, unha cidade na que asentarse, onde instalar unha empresa ou negocio, onde poder formarse" e facer posible "unha cidade máis aberta, máis vital e que non lle tema ao cambio".
"Ter presente que Pontevedra son tamén as parroquias do rural é un dos obxectivos do noso goberno", sinalou, para defender a súa aposta por unha Pontevedra que "sexa unha cidade de futuro e con futuro"
Revenga agradeceu o traballo realizado por María Rey durante o últimos catro anos e vaticinou un bo resultado nas urnas que lle permita, polo menos dous representantes, el e a actual portavoz. "Xuntos estaremos no Concello", sostivo, antes de lembrar que o Concello "leva vinte anos gobernado por un bipartito BNG-PSOE, un matrimonio que neste últimos catro anos quedou solapado por unha unión de feito".
"O señor Fernández Lores caeu na trampa na que adoitan caer os políticos cando levan moito tempo no poder: a compracencia, illarse, sentirse o ‘ number one’, non oír e non ver. É vítima da ‘síndrome de Michelena 30’", criticou.
María Rey tomou a palabra para insistir en que "se de algo non me convenceron os nacionalistas é de que temos un modelo de cidade". "Non o temos porque eles preocúpanse do centro de Pontevedra, esquecéronse dos barrios e do rural. E non temos un modelo de cidade porque nos encheron a cidade de ‘ lombos’ para que non podamos entrar nin tampouco saír", engadiu.
A edil da formación laranxa explicou que o programa de Cidadáns non leva grandes obras "como fan as gaivotas e todos sabemos como acaban", nin se vende ao BNG, "porque parece que o que algún quere é cobrar a xubilación e non preocuparse dos pontevedreses".
Ademais, defendeu ao persoal da pasteira Ence -"non queremos tratar aos traballadores de Ence coma se fosen terroristas"-, pero aclarou que o seu obxectivo se chega ao goberno despois do 26 de maio é "esixirlle á empresa que haxa un emprego de calidade e que faga investimentos en Pontevedra". Se Ence ten que estar onde ten que estar hao de decidir a xustiza, pero desde logo se queda imos esixirlle que mellore a nosa cidade, algo que creo que nos debe", insistiu.