O concelleiro de Cidadáns; Goyo Revenga anunciou que pedirá ao goberno local do Concello de Pontevedra no pleno de xaneiro que habilite axudas contra a soidade e tamén a creación dunha Oficina de Atención a Maiores, un lugar específico desde onde asesorar, informar e dar cobertura a este colectivo.
Segundo explicou este venres en rolda de prensa o edil de Cidadáns, esta Oficina é "algo fundamental" ante o progresivo envellecemento da poboación. Tamén demandará nunha moción dirixida ao seu debate no pleno, a creación dun rexistro municipal voluntario das persoas de máis de 65 anos que viven soas, "para axudar a que teñan unha boa calidade de vida, prestarlles a atención precisa e, sobre todo, evitar que padezan situacións física e emocionalmente dramáticas", sinalou.
Neste sentido, Goyo Revenga pedirá tamén que Pontevedra inicie os trámites para formar parte da Rede Mundial de Cidades Amigables coas Persoas Maiores, seguindo a metodoloxía do Protocolo de Vancouver e as instrucións da Organización Mundial da Saúde.
UNIDADE DE CONDUTAS ADICTIVAS
Por outra banda, Goyo Revenga reclamará que se rehabiliten as instalacións da Unidade de Condutas Adictivas de Pontevedra xa que actualmente "atópanse nun estado deplorable".
"Cando entrei nelas, a pesar de que xa sabía do seu estado, sentín ganas de vomitar", manifestou o concelleiro, quen asegurou que se asustou "ao comprobar in situ como os fungos, e a saber canta fauna e flora máis, campan ás súas anchas por este centro sanitario".