Cidadáns confirma a David Díaz como candidato á alcaldía de Pontevedra

Pontevedra
23 de outubro 2022

O comité autonómico de Cs, recentemente renovado, confirmou este sábado os tres primeiros nomes dos alcaldables da formación laranxa nas cidades galegas. O propio David Díaz confirmou este domingo o seu nomeamento. É afiliado desde 2014 e desempeña a función de coordinador da agrupación pontevedresa desde xaneiro deste ano

David Díaz, Olga Louzao, Inés Arrimadas e Manuel Moinelo, en Lugo
David Díaz, Olga Louzao, Inés Arrimadas e Manuel Moinelo, en Lugo / Cs Pontevedra

David Díaz, actual coordinador da agrupación local de Cidadáns (Cs) en Pontevedra, será o candidato da formación nas próximas eleccións municipais previstas para 2023.

O comité autonómico de Cs , recentemente renovado, confirmou este sábado os tres primeiros nomes dos alcaldables da formación laranxa nas cidades galegas: Olga Louzao, actual portavoz galega, será a candidata en Lugo; Manuel Moinelo será candidato na Coruña; e David Díaz en Pontevedra. 

O propio David Díaz confirmou este domingo este nomeamento lembrando que é afiliado desde 2014 e desempeña a función de coordinador da agrupación pontevedresa desde xaneiro deste ano. 

Estas confirmacións realizáronse no seo dunha visita a Lugo da presidenta estatal de Cs, Inés Arrimadas, e dun encontro con afiliados e simpatizantes. 

A actual Xunta Directiva de Cs en Pontevedra estivo representada en Lugo tamén por Andrés López, secretario e responsable de loxística; e José Rivadulla, responsable de relacións institucionais e veciñais.

Cidadáns non ten na actualidade ningún concelleiro na Corporación municipal de Pontevedra despois de que o único representante das súas siglas elixido nas últimas eleccións, Goyo Revenga, deixase o partido e pasase a ser concelleiro non adscrito.