Chegamos a unha nova entrega de"A cociña gourmet en conserva" da man de Conservas Pescamar cunha receita que gusta a toda a familia: chulas de cabaciña e luras ao allo Pescamar.
Desde un punto de vista nutricional, a lura destaca polo seu contido en proteínas de gran calidade e en ácidos graxos poliinsaturados omega 3. Ademais, é baixa en graxas e calorías.
Para preparar unhas deliciosas Chulas de cabaciña e luras ao allo Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 lata de luras ao allo Pescamar
- 1 cabaciña grande
- 2 ovos
- 3 culleradas de fariña
- 2 culleradas de queixo relado
- Sal
- Pementa negra moída
- Aceite de oliva
- Pirixel picado
Preparación:
Lavamos a cabaciña e retiramos algunha parte da pel que estea rozada, non é necesario pelala completamente. A continuación, relámola ou cortamos á xuliana.
Colocamos a cabaciña relada nun coadoiro e presionamos cun garfo para sacar a auga.
Nun bol, batemos os ovos e engadimos o sal, a pementa, a fariña, o queixo relado e o pirixel picado. Volvemos bater.
Picamos as luras ao allo Pescamar. Engadímolas ao bol xunto coa cabaciña relada. Removemos ata obter unha mestura homoxénea.
Poñemos nunha tixola un pouco de aceite e, cando estea ben quente, imos poñendo porcións da mestura, ás que lle daremos forma de chula na propia tixola, coa axuda dunha culler. Cociñamos por ambos lados ata que estean douradas.
Servimos quentes e acompañadas dunha salsa de iogur.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.