Un choripán, as peñas ou o orgullo PTV, "cebos" da asociación contra o cancro para captar socios entre a mocidade

Pontevedra
16 de outubro 2024
Actualizado: 23:25

A Asociación contra o cancro, xunto a Rotary Pontevedra, pon en marcha a campaña "Asóciate!", co obxectivo de concienciar á poboación da importancia da figura do socio para a entidade

Presentación da campaña "¡Asóciate!"
Presentación da campaña "¡Asóciate!" / Mónica Patxot

O socorrido choripán durante a celebración da Feira Franca, saír de peñas nas Festas da Peregrina, ou sentir o orgullo de ser PTV, son algúns dos "cebos" aos que acudiu a asociación contra o cancro (AECC) para captar socios entre a mocidade en Pontevedra.

Esta asociación, xunto a Rotary Pontevedra, pon en marcha a campaña "Asóciate!", coa colaboración do Concello e o obxectivo de concienciar á poboación da importancia da figura do socio para a entidade, xa que un 82% do seu financiamento corresponde a estas achegas particulares.

A campaña presentouse este mércores fronte ao soporte de publicidade (Mupi) situado na rúa García Camba con Andrés Muruais. Este será un dos 16 enclaves onde se poderán ver estes grandes anuncios.

Segundo explicou Luís Quiles, director da Axencia Amodiño, a campaña que deseñaron "reflicte o compromiso que temos coa comunidade e co futuro de todos".

"Partimos dunha idea moi clara que é conectar os pontevedreses cos seus valores e coas súas tradicións" evocando "momentos que todos compartimos" con "humor e proximidade" recuperando "eses aspectos da nosa vida diaria que tanto nos unen".

Así se quere facer ver que a loita contra o cancro é unha causa que nos toca de preto a todos e que para a AECC cada novo socio significa máis apoio para as persoas afectadas, máis recursos para a investigación e a prevención "e unha rede máis forte de solidariedade na nosa ciduad".

Ana García, presidenta provincial da AECC Pontevedra, fixo fincapé en que "todo o que facemos na asociación a favor dos pacientes e dos seus familiares é totalmente gratuíto" e que "se pode achegar calquera persoa que nos necesite".

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías felicitou os impulsores desta inicitiva "polo enxeño" á hora deseñar esta campaña gráfica que ve "acertadísima e divertida".

Ademais, destacou o "incrible labor" que fai esta asociación e defendeu a importancia de que a Sanidade pública conte con recursos para atender adecuadamente a toda a cidadanía.