A historia volveuse a repetir. A coincidencia de choivas intensas coa pleamar fixo que, unha vez máis, a rúa Fernando Olmedo quedase mergullada parcialmente polas augas.
Foi a incidencia máis destacada da alerta laranxa por choivas que provocou o paso por Galicia da borrasca Bert, que este domingo obrigou a suspender todas as actividades deportivas ao aire libre.
A acumulación de auga e as bolsas que se crearon nalgunhas zonas desta rúa obrigaron a pechar o viario ao tráfico para evitar maiores problemas.
Algúns garaxes e portais, como é habitual neste tipo de episodios, encheron de auga.
A borrasca Bert, a pesar do vento e a choiva que trouxo consigo, non xerou grandes problemas na cidade máis aló desta inundación, segundo informou o goberno municipal.
Iso si, sucedéronse os avisos por tezas desprendidas, colectores caídos ou algunha intervención para retirar valos, lonas ou carteis en diferentes zonas da Boa Vila.
A choiva acumulada até as dez da noite de onte domingo foi de 24 litros por metro cadrado, segundo recolle a estación que Meteogalicia ten en Campolongo.
O refacho de vento máis forte alcanzou os 60 quilómetros por hora.