Chocolate e rosca para celebrar o Día do Voluntariado

Pontevedra
06 de decembro 2024

A asociación Asampo e Protección Civil de Pontevedra festexaron esta xornada coa entrega dun vaso de chocolate e un anaco de rosca na praza da Peregrina

Protección Civil e Asampo
Protección Civil e Asampo / PontevedraViva

O colectivo Asampo festexaba esta mañá na praza da Peregrina de Pontevedra o Día Internacional do Voluntariado, que se conmemora o 5 de decembro.

A xornada, que se desenvolveu entre as 10:00 e as 13:00 horas deste venres festivo, contou coa participación de integrantes de Asampo e tamén de Protección Civil de Pontevedra.

Protección Civil tamén continúa coa súa campaña de captación de persoas voluntarias para participar nas actividades que levan a cabo.

Coa colaboración do Concello de Pontevedra e panadaría ADevesa, os membros de Asampo instalaron un posto onde ofreceron chocolate quente e rosca a todas aquelas persoas interesadas que se achegaron a coñecer o labor destas organizacións.

A celebración serviu para poñer en valor o traballo desinteresado de quen dedica o seu tempo a facer do mundo un lugar mellor, axudando a outras persoas.

Estes colectivos defenden a premisa de que "moitas persoas pequenas, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, poden cambiar o mundo".

Asampo é coñecido por organizar a tradicional Pontevedrada nocturna polo Camiño Portugués, desde Pontevedra até Santiago de Compostela, para potenciar a doazón de órganos.